• Manoel Santos Home

last modified September 29, 2009 by Altermundo

Director de Altermundo.

PROXECTO INTEGRAL DE COMUNICACIÓN ALTERNATIVA E TRANSFORMACIÓN SOCIAL

Altermundo é un espazo creado para achegar ese outro mundo posíbel á comunidade galegofalante da rede. É un cornecho de reflexión que, dende Galiza, ábrese aos que andan na procura dunha globalización alternativa ao neoliberalismo. É, xa que logo, coñecemento, debate, rebelión e Terra.

Dende Galiza, Altermundo fai seu ese lema zapatista de abaixo e á esquerda está o corazón para camiñar outros camiños, para percorrer as novas e esperanzadoras corredoiras do social, que se opoñen ás cínicas e esgotadas vías políticas que esnaquizan a humanidade. Como ten que ser…

As liñas estratéxicas iniciais do proxecto de comunicación e transformación social Altermundo son:
  1. movementos sociais e as súas alternativas
  2. ecoloxía social
  3. alternativas políticas antihexemónicas
  4. análise do neoliberalismo
  5. difusión e xeración de información, pensamento e reflexión.

Altermundo traballa nos campos:

  1. da información (dirixida aos movementos sociais e dende os movementos sociais)
  2. do pensamento (difundindo creacións galegas propias e alleas e traducindo ao galego reflexións e estudos doutras partes do mundo)
  3. da acción (participando activamente nos movementos sociais e difundindo as súas inquedanzas e propostas alternativas)

Os contidos cos que traballa son: novas e convocatorias, artigos e análises, coberturas informativas e especiais e a próxima creación de observatorios (alternativas galegas, institucións internacionais, ecoloxía social, etc).

Altermundo traballa con información propia, xerada por colaboradoras e colaboradores e difundida tamén cara outros espazos no eido mundial, e información allea, froito da colaboración con outros medios do mundo. Difunde esta información vía internet e con publicacións en papel (Suplemento Horizontal Altermundo) e noutros medios de comunicación, funcionando tamén como axencia de información e instituto de estudo organizando e colaborando en accións, xornadas, congresos, etc.